Friday 03 de May de 2024

O PP de Oleiros denuncia a proliferación alarmante de pragas no concello


RATAS, RATOS, PICUDO DA PALMEIRA, PROCESIONARIA DO PIÑEIRO, AVESPA VELUTINA, SON ALGUNHAS DAS ESPECIES QUE CAMPAN Ás súas anchas POR TODO O MUNICIPIO CO CONSECUENTE RISCO PARA As PERSOAS.

O Partido Popular advirte dunha situación que non é nova pero que, dun tempo para acó, non hai día que non aparezan noticias na prensa ou publicacións en redes sociais dos veciños que manifestan a súa preocupación por este asunto.

Neste sentido, tras numerosas denuncias anteriores no pleno da corporación e facelo público a través dos medios, o Partido Popular comezou, o pasado mes de setembro, unha iniciativa para que os propios veciños que detectasen a presenza de ratas, puxesen o feito en coñecemento da empresa contratada polo Concello para estender a desratización. O PP oleirense lembra que a presenza de ratas entraña riscos evidentes para a saúde pública, pola súa capacidade de transmitir enfermidades infecciosas.

Con respecto a outras pragas que se estenden polo concello, os Populares destacan que os efectos da procesionaria sobre a afectación aos propios piñeiros, na súa dimensión fitosanitaria, é demoledora; e en canto a persoas e animais, están as redes sociais cheas de denuncias dos cidadáns cando comproban nos seus nenos ou nas súas mascotas os efectos dos pelos urticantes que liberan as orugas, na fase en que descenden ao chan e adquiren a súa característica formación en liña. Outra das especies que se están expandindo polo municipio é a Vespa velutina, cuxa presenza entraña riscos para as persoas e para as poboacións de abella, que poden ter condicionado o seu futuro #ante esta especie invasora, cos efectos ecolóxicos derivados da eventual desaparición duns dos máis importantes axentes polinizadores da natureza.

Preocupa tamén aos Populares a presenza e a acción do picudo vermello, o coleóptero que ataca e termina por matar as palmeiras, cuxo efecto é evidente en moitas das casas e espazos públicos do concello.

Mención á parte merece o caso da herba das Pampas, especie invasora orixinaria de América do Sur que chegou a España a metade do século pasado e expandiuse polo concello de maneira notable. Esta propagación implica a desaparición de flora autóctona e problemas de alerxias respiratorias para as persoas.

“Somos conscientes que existen campañas para combater estas pragas e o seu efecto nocivo sobre a vida de persoas, animais e plantas, pero pensamos que se están mostrando ineficientes e insuficientes”, declara Loli Silva, candidata á alcaldía polo PP de Oleiros.

“É preciso que no Concello tomen conciencia real desta cuestión e que se realice un maior esforzo para abordar este problema, de saúde pública en moitos dos casos, e impleméntense as medidas necesarias para atallalo.”, afirma Loli Silva.